Adrián Sánchez Fernández recibe o Premio María Miguel 2026 da ECIS

23/06/2026

O investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela (CiQUS-USC), Adrián Sánchez Fernández, foi distinguido co Premio María Miguel 2026 da European Colloid and Interface Society (ECIS), un dos recoñecementos europeos máis destacados dirixidos a investigadores novos cunha traxectoria independente e sobresaliente no ámbito da química de coloides e a ciencia interfacial.

O galardón, concedido anualmente a unha única persoa investigadora en Europa, recoñece a orixinalidade, excelencia e independencia científica da traxectoria de Adrián. O comité de selección destacou especialmente a súa capacidade para construír unha liña de investigación propia tras a súa etapa doutoral, desenvolvendo novas aproximacións no estudo dos disolventes eutécticos profundos, o autoensamblaxe de tensioactivos anfifílicos, os coloides biomoleculares e os materiais brandos. As súas contribucións evidencian o seu liderado científico e a súa capacidade para abrir novas vías no ámbito das formulacións sostibles e dos materiais biomoleculares.

Tras completar o seu doutoramento na Universidade de Bath (Reino Unido) en 2018 e unha etapa posdoutoral na Universidade de Lund (Suecia), centrada no estudo das interaccións entre proteínas e anfifílicos en sistemas acuosos, Adrián incorporouse ao CiQUS en 2022 cunha bolsa Marie Skłodowska-Curie da Unión Europea. Desde entón, a súa investigación céntrase en explorar o comportamento dos ácidos nucleicos en disolventes eutécticos profundos e no desenvolvemento destes medios como contornos funcionais para a preservación de biomoléculas sensibles.

Actualmente, como investigador Ramón y Cajal, desenvolve diversos proxectos orientados a ampliar as funcións das biomoléculas máis alá dos contornos acuosos convencionais. Como parte do Premio María Miguel 2026, Adrián impartirá unha conferencia plenaria na próxima reunión anual da ECIS, onde presentará os avances científicos que consolidaron a súa traxectoria na química de coloides e interfaces.

O CiQUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.