O Máster Universitario en Química na Fronteira coa Bioloxía e a Ciencia de Materiais (ChemBio&Mat) celebrou a pasada semana o acto de peche da súa sexta edición, poñendo fin a un esixente programa formativo que acompañou ao alumnado durante un ano e medio. O último venres de xaneiro tivo lugar no CiQUS a defensa dos Traballos de Fin de Máster (Master Dissertation), na que os estudantes presentaron ante o tribunal académico os resultados dos seus proxectos de investigación.
Os traballos defendidos volveron poñer de manifesto o carácter interdisciplinar do máster e a diversidade de perfís do alumnado, con propostas situadas na fronteira entre a química, a bioloxía e a ciencia de materiais. O profesor Francisco Rivadulla, coordinador do programa, destacou o esforzo realizado ao longo do curso e sinalou que “este non é un final, senón o comezo dunha nova etapa, tanto a nivel persoal como na vosa carreira científica”.
Durante o acto de clausura, o coordinador subliñou tamén o valor das competencias adquiridas máis alá dos contidos específicos. “Ao longo destes dezaoito meses adquiristes ferramentas fundamentais para o voso futuro, como o pensamento crítico, a capacidade de comunicar ciencia ou de afrontar problemas complexos”, afirmou, animando ao alumnado a afrontar con confianza os próximos retos.
A xornada de peche completouse coa conferencia de clausura impartida polo profesor Juan Bisquert, profesor do Instituto de Tecnoloxía Química (ITQ, UPV-CSIC), titulada Mimicking intelligence: Materials and Devices for Unconventional Computation, centrada no desenvolvemento de materiais e dispositivos inspirados en procesos biolóxicos para novas arquitecturas de computación.
Coa despedida desta sexta promoción, o Máster ChemBio&Mat consolida a súa traxectoria como unha proposta formativa singular, estreitamente ligada á investigación de excelencia desenvolvida no CiQUS.

O CiQUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

