Cristóbal Pérez incorpórase ao CiQUS baixo o programa Oportunius para impulsar novas fronteiras en espectroscopía molecular

29/04/2026

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) incorpora como novo investigador a Cristóbal Pérez, que se une ao centro a través do programa Oportunius da Xunta de Galicia, unha iniciativa destinada a atraer e consolidar talento investigador de excelencia no sistema galego de I+D+i.

Coa súa chegada, o CiQUS reforza a súa posición como un dos principais polos de captación de talento científico en Galicia. Coa incorporación de Pérez, o centro suma xa nove investigadores Oportunius dun total de 25, o que sitúa o centro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) como o principal beneficiario deste estratéxico programa. A súa incorporación foi anunciada esta semana nun acto presidido polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación e polo director científico do CiQUS.

Un novo impulso para a instrumentación molecular avanzada

Especialista en química física e espectroscopía molecular, Cristóbal Pérez desenvolve unha traxectoria recoñecida internacionalmente no deseño e aplicación de instrumentación avanzada para estudar a estrutura e dinámica de sistemas moleculares complexos.

Procedente da Universidade de Valladolid, incorpórase ao CiQUS, onde reagrupará e establecerá o seu equipo de investigación, ademais de coordinar o traslado do seu laboratorio, impulsando unha nova liña estratéxica en instrumentación e análise molecular avanzada.

Ao longo da súa carreira, foi beneficiario dalgunhas das axudas máis competitivas do panorama científico, entre elas contratos Juan de la Cierva e Ramón y Cajal, unha Ikerbasque Research Fellowship, unha bolsa Alexander von Humboldt e unha axuda Beatriz Galindo Sénior. Ademais, realizou estadías de investigación na Universidade de Virginia e no Instituto Max Planck.

En 2023 obtivo unha ERC Consolidator Grant para desenvolver HYDROCHIRAL (2024–2029), proxecto que continuará agora no CiQUS e que investiga o papel da auga nos procesos de recoñecemento quiral, unha cuestión central en química e bioloxía.

Novas capacidades e sinerxías para o centro

A chegada deste proxecto traerá consigo novas capacidades experimentais para o centro. “A espectroscopía de rotación, pola súa extraordinaria sensibilidade á estrutura molecular, abre a porta a colaboracións con grupos que necesiten unha determinación estrutural precisa”, sinala Pérez.

Máis aló de consolidar a súa propia liña de investigación, o investigador incorpórase coa vontade de estreitar colaboracións con outros grupos do centro, con actores do tecido produtivo galego e de reforzar redes internacionais xa activas.

Pérez destaca ademais que HYDROCHIRAL permitirá introducir instrumentación pioneira nesta técnica e xerar novas sinerxías. “Desenvolvemos métodos innovadores para detectar a quiralidade molecular, capaces de achegar información detallada sobre a disposición tridimensional dos átomos en sistemas moleculares, un aspecto esencial na síntese asimétrica”, engade.

Talento internacional na fronteira do coñecemento

A incorporación de Cristóbal Pérez reforza ademais a proxección internacional do CiQUS, a súa capacidade para atraer perfís científicos altamente competitivos e a súa aposta por fomentar investigación interdisciplinar na fronteira do coñecemento.

O centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

 

Cristóbal Pérez joins CiQUS through the Oportunius programmeImagen: C. de Educación, Ciencia, Universidades y Formación Profesional - Xunta de Galicia