A escuridade guía a evolución de nanomateriais sensibles á luz

11/06/2026

Todos os procesos moleculares sensibles á luz que teñen lugar no noso planeta desenvolvéronse baixo ciclos constantes de luz e escuridade. Mentres que a luz adoita achegar enerxía que poden absorber as moléculas fotosensibles, os períodos de escuridade permiten que esa enerxía acumulada se transforme de diferentes maneiras e dea lugar a procesos útiles. Por exemplo, nalgúns procesos biolóxicos dependentes da luz, como a visión, as fases de escuridade permiten a reorganización molecular e a recuperación estrutural tras a absorción de luz.

Inspirándose neste comportamento natural, un equipo internacional liderado polo investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela (CiQUS-USC), Javier Montenegro, demostrou que esta omnipresente alternancia entre iluminación e escuridade non só controla os complexos procesos que teñen lugar en distintos sistemas biolóxicos, senón que tamén se aplica e dirixe a evolución estrutural dos sistemas moleculares máis pequenos e sinxelos que poden reproducirse nun laboratorio.

O estudo, cuxo primeiro autor é o Dr. Alejandro Méndez-Ardoy, investigador do Instituto de Investigacións Químicas (CSIC-Universidade de Sevilla), e no que tamén participan Patricia Fulías Guzmán e Adrián Sánchez Fernández (CiQUS), xunto con persoal do Stratingh Institute for Chemistry da Universidade de Groningen, explora como pequenos péptidos fotosensibles son capaces de ensamblarse e reorganizarse en resposta á enerxía luminosa.

Os resultados mostran que, cando esta enerxía se subministra en ciclos, como sucede co día e a noite, a escuridade non actúa simplemente como unha ausencia de estímulo, senón como unha fase activa que facilita e acelera a evolución das estruturas moleculares cara a configuracións máis favorables.

“O traballo demostra que os períodos de escuridade permiten novas vías ou formas alternativas de evolución estrutural máis rápidas que aquelas que se producen cando a luz permanece acesa de maneira continua”, explica o investigador Oportunius Javier Montenegro. “Demostramos que mesmo nos sistemas moleculares fotosensibles máis pequenos e sinxelos, aínda que é a absorción de enerxía luminosa a que impulsa a formación de estruturas máis complexas e autoensambladas, son as fases de repouso as que permiten ao sistema reorganizarse e acceder ás arquitecturas máis estables, restrinxidas baixo unha iluminación continua”.

Para estudar este fenómeno, o equipo deseñou un sistema molecular baseado en péptidos fotosensibles capaces de cambiar de estado químico en resposta á luz. Estes compostos conteñen unha unidade fotoactiva que alterna entre dúas formas moleculares con propiedades diferentes: unha forma máis soluble en auga na escuridade e outra máis hidrofóbica baixo iluminación. Este cambio modifica as interaccións entre moléculas e desencadea procesos de autoensamblaxe supramolecular.

Cando o sistema se expón á luz visible, as moléculas comezan a organizarse espontaneamente formando cintas helicoidais nanométricas. Porén, ao interromper a iluminación, esas estruturas reláxanse, colapsan parcialmente e comezan a desensamblarse.

O achado clave do traballo é que, se a luz se fornece en ciclos e regresa antes de que o sistema se desmonte completamente, esas estruturas parcialmente relaxadas actúan como intermediarias para evolucionar cara a unha nova arquitectura: nanotubos supramoleculares máis uniformes e estables.

“Este comportamento pode relacionarse con determinados procesos biolóxicos máis complexos e evoca a importancia que os ciclos de escuridade puideron ter na organización e no aumento da complexidade estrutural dos primeiros sistemas fotosensibles presentes na Terra”, sinala Montenegro.

“Os ciclos de luz e escuridade xeran unha especie de aprendizaxe estrutural: o sistema explora distintas rutas de organización ata seleccionar as configuracións máis robustas durante a ausencia de enerxía”.

O estudo demostra ademais que a alternancia periódica entre luz e escuridade resulta máis eficaz que a iluminación continua para promover esta transición estrutural. Durante as fases escuras, as moléculas experimentan procesos de relaxación térmica e reorganización interna que reducen defectos e favorecen un empaquetamento máis ordenado.

Como resultado, o sistema evoluciona cara a nanotubos cunha maior estabilidade e un grao superior de organización molecular.

Máis alá do seu interese fundamental, estes resultados abren novas posibilidades para o desenvolvemento de materiais dinámicos capaces de adaptarse a estímulos externos. Comprender como as oscilacións enerxéticas controlan a evolución dos sistemas supramoleculares podería contribuír ao deseño de materiais intelixentes, nanodispositivos ou sistemas biomiméticos con propiedades regulables mediante ciclos de enerxía.

“O traballo achega unha nova perspectiva sobre como as discontinuidades da enerxía poden influír na complexidade de calquera sistema molecular”, conclúe o investigador da Universidade de Santiago de Compostela. “Non só importa a presenza de luz ou enerxía; tamén importa cando desaparece”.

O estudo foi publicado en Angewandte Chemie International Edition.

O CiQUS recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027 e conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación.

Referencia
A. Méndez-Ardoy, N. Cissé, A. Sánchez-Fernández et al., Angewandte Chemie International Edition (2026), e4843934.

 

Autoensamblaje supramolecular controlado mediante ciclos de luz y oscuridad