O despliegue das enerxías renovables e a modernización das redes eléctricas están a incrementar de forma notable a demanda de sistemas de almacenamento fiables, duradeiros e sostibles. Non obstante, as tecnoloxías dominantes aínda presentan importantes limitacións en termos de custo, dispoñibilidade de materiais e vida útil. Neste contexto, as baterías de zinc-bromo emerxen como unha alternativa atractiva para aplicacións industriais e de rede, sempre que se superen algúns retos técnicos asociados ao seu funcionamento e eficiencia.
O proxecto ZinCAGE aborda este desafío a través do desenvolvemento dun electrolito acuoso supramolecular patentado que permite estabilizar unha especie activa redox, un composto clave no proceso de carga e descarga da batería. Este avance evita o uso de axentes complexantes custosos e contribúe a mellorar parámetros clave como a estabilidade electroquímica, a resistencia á corrosión ou a supresión de dendritas, un dos principais factores de degradación neste tipo de baterías. A partir desta formulación, o equipo traballará no deseño e validación de prototipos de baterías de zinc-bromo tanto en configuracións con electrolito en circulación como en sistemas máis compactos de electrolito estático, co obxectivo de facilitar a súa escalada e futura transferencia tecnolóxica.
ZinCAGE enmárcase na liña de investigación que María Giménez e o seu equipo desenvolven no CiQUS da USC en torno a novos materiais para baterías e sistemas de almacenamento de enerxía máis eficientes e sostibles. O proxecto dá continuidade a traballos previos aplicados do grupo como ERC-POC ZABCAT e ZUPRAenergy, Probas de Concepto financiadas polo European Research Council e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, encamiñadas á transferencia de investigación básica de proxectos europeos e nacionais obtidos previamente.
A iniciativa foi seleccionada na quinta convocatoria de Ignicia Proba de Concepto, resolta recentemente, que apoiará un total de nove proxectos de investigación cunha inversión global de 4 millóns de euros e a participación de 47 profesionais de universidades e centros tecnolóxicos galegos. Esta convocatoria forma parte do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 e constitúe un dos principais instrumentos públicos en Galicia para facilitar a transferencia do coñecemento xerado nos centros de investigación cara ao tecido produtivo.
Co ZinCAGE, o CiQUS suma un novo proxecto a unha traxectoria consolidada dentro do programa Ignicia. Iniciativas anteriores impulsadas dende o centro evolucionaron cara a proxectos de gran impacto científico e tecnolóxico, como Fluorotools, que deu lugar á spin-off Celtarys Research liderada por Eddy Sotelo; RuCSC, liderado por José Luis Mascareñas, que obtivo posteriormente apoio da Fundación ”la Caixa” e do European Innovation Council (EIC); e TraffikGene, coordinado por Javier Montenegro, que tamén logrou financiación adicional do EIC para avanzar cara ao mercado. Estes hitos avalan a capacidade do CiQUS para transformar resultados de investigación en innovacións con impacto no mercado e na sociedade.
O CiQUS conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027 e forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, que agrupa aos centros de investigación de excelencia do sistema galego.
O equipo validará unha tecnoloxía de electrolito acuoso supramolecular destinada a desenvolver baterías recargables de zinc máis eficientes e seguras | CiQUS

