TraffikGene S.L., con sede en Santiago de Compostela, constituíuse formalmente como sociedade mercantil tras sete anos de desenvolvemento no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A compañía nace ao abeiro do programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta de Galicia para comercializar a tecnoloxía TraffikGene®, unha plataforma que facilita o transporte de fármacos baseados en material xenético ata as células do organismo nas que deben actuar, e que conta co respaldo de socios institucionais estratéxicos como a USC e a Axencia Galega de Innovación.
A tecnoloxía baséase en moléculas transportadoras (péptidos) capaces de encapsular material xenético —ARN mensaxeiro, ARN de interferencia, ADN ou proteínas de edición xenética— e dirixilo a tecidos específicos, incluídos algúns de difícil acceso por vía sistémica. Os seus impulsores destacan que, fronte a outras alternativas xa presentes no mercado, esta tecnoloxía resulta máis sinxela de fabricar e presenta unha menor toxicidade.
“A constitución da empresa supón un fito moi importante para nós: significa que estamos un paso máis preto de que esta tecnoloxía chegue á sociedade e, no futuro, aos pacientes que a precisan”, explica Marisa Juanes, investigadora do equipo promotor, que asume o cargo de directora técnica.
O proxecto leva sete anos desenvolvéndose no grupo liderado polo investigador Oportunius da Xunta de Galicia Javier Montenegro, xunto con Marisa Juanes, Irene Lostalé-Seijo e Alberto Fuertes, vinculados á tecnoloxía desde a súa orixe. A USC transferirá en exclusiva á nova sociedade a propiedade intelectual e industrial da patente.
“A participación da USC nesta nova sociedade reflicte o noso compromiso coa transferencia de coñecemento e coa promoción de iniciativas empresariais innovadoras”, sinala a reitora da USC, Rosa Crujeiras, quen destaca o acompañamento da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento durante todo o proceso.
Ata o momento, TraffikGene captou máis de 3,5 millóns de euros en financiamento non dilutivo, procedentes, entre outros, do European Innovation Council (EIC) (programas Pathfinder e Transition) e do programa Ignicia-Proba de Concepto da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación.
“Proxectos como TraffikGene representan o exemplo perfecto da aposta da Xunta de Galicia por ámbitos estratéxicos de alto impacto, pola transferencia de coñecemento e polo emprendemento científico que fortalece a competitividade do tecido produtivo galego”, afirma Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación.
Ese apoio permitiu, segundo Alberto Fuertes, “consolidar os primeiros resultados preclínicos en modelos animais relevantes e reforzar o equipo con perfís estratéxicos máis próximos á industria”. Nesta mesma liña, Mark Mayhew, con máis de vinte anos de experiencia en desenvolvemento de negocio na industria farmacéutica e que xa acompañara o proxecto na súa última etapa académica, asumiu a presidencia do Consello de Administración.
O proxecto asinou recentemente o seu primeiro acordo de colaboración coa empresa biotecnolóxica norueguesa Circio, un sinal, segundo os seus promotores, do interese que esta tecnoloxía esperta nun mercado en plena expansión.
Como sociedade xa independente, os próximos pasos de TraffikGene pasan por consolidar novos proxectos de codesenvolvemento con socios estratéxicos e por pechar unha rolda de financiamento semente na que o equipo xa está a traballar. Desde o punto de vista científico, a compañía abordará a medio prazo o desenvolvemento preclínico interno de terapias baseadas en ARN.
“Atopámonos nun momento idóneo para dar este salto cara á industria. Este proxecto medrou de maneira moi significativa no ámbito académico, onde xa traballabamos cunha mentalidade empresarial e co respaldo dun financiamento moi competitivo e fundamental para facer posible a transferencia da tecnoloxía”, afirma Javier Montenegro.


O CiQUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

