O pasado venres 15 de maio faleceu o profesor Ramón J. Estévez Cabanas. A comunidade do CiQUS expresa o seu pesar pola perda de quen foi unha figura moi relevante da química orgánica na Universidade de Santiago de Compostela (USC), así como un dos investigadores vinculados ao centro desde os seus inicios.
O profesor Ramón J. Estévez Cabanas (A Estrada, Pontevedra) desenvolveu unha extensa e destacada traxectoria académica e científica ligada á Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde se licenciou en Química en 1975 e obtivo o doutoramento en 1979 baixo a dirección dos profesores Luís Castedo e Rafael Suau. Posteriormente realizou diversas estadías posdoutorais na Universidade de Oxford, no grupo do profesor George W. J. Fleet, co que mantivo unha longa colaboración científica.
En 1984 accedeu á condición de Profesor Titular de Química Orgánica e en 2003 foi nomeado Catedrático de Universidade. As súas investigacións, centradas inicialmente na química de produtos naturais —especialmente alcaloides isoquinolínicos e indólicos—, evolucionaron posteriormente cara ao campo dos hidratos de carbono e ao desenvolvemento de compostos carbocíclicos e heterocíclicos altamente funcionalizados, con aplicacións potenciais en química biolóxica e ciencia de materiais. Ao longo da súa traxectoria mantivo colaboracións internacionais con grupos de referencia do Reino Unido, Xapón, Portugal e España.
Ademais da súa contribución científica, o profesor Estévez amosou un firme compromiso coa transferencia de coñecemento e o emprendemento universitario, participando na creación de varias empresas de base tecnolóxica xurdidas da contorna universitaria galega, entre elas GalChimia, AMSlab, ChemoSapiens e Green Solutions.
O seu labor académico e de xestión universitaria foi especialmente relevante, mantendo un compromiso institucional permanente coa USC, na que desempeñou numerosas responsabilidades de xestión e goberno, con dedicación xenerosa e visión de futuro. A súa achega resultou especialmente relevante no impulso e desenvolvemento do Campus de Lugo, do que foi unha das figuras fundamentais desde os seus primeiros anos, primeiro como Director do Colexio Universitario e posteriormente como Decano da Facultade de Ciencias. Xa en Santiago, exerceu como Director do Departamento de Química Orgánica e como Decano da Facultade de Química, etapas nas que promoveu importantes iniciativas académicas e organizativas. Entre elas destaca de maneira singular a súa visión e liderado na creación do Máster Interuniversitario en Química Orgánica (actualmente Máster en Química Orgánica), programa desenvolvido conxuntamente coa Universidade Complutense de Madrid e a Universidade Autónoma de Madrid, consolidado hoxe en día como un máster de excelencia a nivel galego e estatal. No ámbito científico, exerceu como vicepresidente e presidente do Grupo Especializado de Hidratos de Carbono da Real Sociedade Española de Química.
Desde a creación do CiQUS, Ramón co-liderou xunto ao tamén Investigador Principal Juan Carlos Estévez un grupo de investigación centrado na química de carbohidratos e as súas aplicacións. Tras a súa xubilación, continuou vinculado ao centro como profesor emérito da USC, mantendo unha participación activa na vida académica e científica do CiQUS.
Os seus compañeiros e colaboradores destacan o seu rigor, capacidade de traballo e, por riba de todo, o seu firme compromiso coa institución universitaria, así como a súa dedicación á formación de novas xeracións de investigadores. No plano persoal, Ramón será lembrado polo seu carácter afable, a súa proximidade e o seu fino sentido do humor. Desde o CiQUS lamentamos profundamente a súa perda e trasladamos o noso máis sentido pésame á súa familia, amizades e a toda a comunidade universitaria. Así mesmo, o CiQUS fai extensivo o seu apoio aos membros do seu grupo de investigación, especialmente ao noso compañeiro Juan Carlos Estévez.


