O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) lidera un novo proxecto internacional centrado na COVID persistente, unha condición clínica que afecta a millóns de persoas en todo o mundo e que aínda carece de ferramentas diagnósticas obxectivas e estandarizadas.
O proxecto, financiado con 315.000 euros pola Schmidt Initiative for Long Covid (SILC), terá unha duración de 18 meses. Este xorde a raíz do interés xerado por unha serie de traballos científicos previos desenvolvidos polo equipo do CiQUS e a USC, que demostraron que a COVID persistente descríbese mellor como un continuo de gravidade biolóxica en lugar de subtipos clínicos discretos. A solidez e coherencia destes achados chamou a atención da iniciativa SILC, que invitou ao equipo a desenvolver unha nova fase de investigación orientada á validación de biomarcadores con aplicación clínica potencial.
Un desafío global de saúde sen diagnóstico molecular
A COVID persistente, tamén coñecida como Long COVID, afecta aproximadamente ao 10-15% das persoas que superaron unha infección por SARS-CoV-2, o que representa decenas de millóns de pacientes en todo o mundo. Moitos deles continúan presentando síntomas durante meses ou incluso anos, como fatiga crónica, dificultades cognitivas, disnea ou intolerancia ao esforzo, cun impacto significativo na súa calidade de vida e capacidade funcional.
A pesar da súa alta prevalencia, o diagnóstico da COVID persistente segue basándose en gran medida na evaluación clínica dos síntomas, sen probas moleculares obxectivas que permitan confirmar a enfermidade ou avaliar a súa gravidade biolóxica de maneira fiable. Esta limitación dificulta tanto a atención aos pacientes como o desenvolvemento de tratamentos efectivos.
Resultados previos con recoñecemento internacional
O proxecto financiado pola Schmidt Initiative for Long Covid baséase nunha traxectoria científica consolidada do equipo do CiQUS e a USC. Nos últimos anos, os investigadores publicaron catro artigos científicos en revistas internacionais, analizando a COVID persistente desde diferentes enfoques moleculares, sempre baseados en cohorts clínicas ben caracterizadas.
Dous destes estudos empregan proteómica cuantitativa aplicada a plasma e fraccións celulares, describindo alteracións persistentes asociadas á COVID persistente en procesos inflamatorios, inmunolóxicos, vasculares e metabólicos. Un deles demostra, ademais, a detección de antíxenos virais do SARS-CoV-2 mediante proteómica dirixida.
Un terceiro traballo aborda a enfermidade desde unha perspectiva de lipidómica non dirixida, identificando un remodelado lipídico extenso (incluíndo lípidos de membrana e de sinalización) compatible con alteracións metabólicas sostidas no contexto da COVID persistente.
Finalmente, un cuarto estudo baseado en técnicas espectroscópicas aplicadas a plasma mostra que as pegadas bioquímicas globais reproducen patróns consistentes cos observados mediante enfoques ómicos máis complexos.
En conxunto, estes traballos demostraron que a heteroxeneidade da COVID persistente non se organiza en subtipos pechados, senón que se distribúe ao longo dun continuo de gravidade biolóxica, o que reflicte diferentes graos de alteración sistémica. Esta coherencia entre enfoques foi clave para despertar o interés da Schmidt Initiative for Long Covid en apoiar unha fase máis aplicada da investigación.
Un marco internacional para a validación de biomarcadores
O novo proxecto baséase en material biolóxico de LC-Optimize (Identification of Long-COVID Sub-Phenotypes to Optimise Patient Outcomes), un estudo multicéntrico internacional sobre COVID persistente que reúne cohorts clínicas ben caracterizadas en diferentes países.
A dispoñibilidade destas mostras, obtidas baixo protocolos armonizados e acompañadas de información clínica detallada, permite ao equipo do CiQUS abordar a validación de biomarcadores nun contexto internacional e comparativo, reforzando a robustez e relevancia clínica dos resultados.
O acceso a este material enmarcase no apoio activo da Schmidt Initiative for Long Covid, que promove a investigación colaborativa entre múltiples socios en todo o mundo, co obxectivo de traducir os achados científicos en aplicacións clínicas que beneficien aos pacientes con COVID persistente.
Obxectivo do proxecto
O obxectivo principal do proxecto é validar e perfeccionar un conxunto reducido de marcadores proteicos que permitan distinguir de maneira obxectiva aos pacientes con COVID persistente das persoas recuperadas, desenvolver un índice cuantitativo de gravidade biolóxica aliñado coa carga clínica da enfermidade e sentar as bases para a súa futura implementación en entornos clínicos e hospitalarios.
Un equipo multidisciplinar liderado polo CiQUS
O proxecto está coordinado dende o CiQUS por Rebeca García Fandiño, investigadora principal do centro, xunto con Ángel Piñeiro, profesor titular do Departamento de Física Aplicada da USC, que aporta experiencia en biofísica e análise computacional.
Rebeca García Fandiño e Ángel Piñeiro codirixen o grupo SIMBIOS (Simulation and Molecular Biophysics of Biomolecular Systems), un grupo de investigación da USC dedicado á biofísica molecular e á modelización biomolecular, que contribuúe ao proxecto con ferramentas avanzadas para a análise e integración de datos complexos.
Tamén participan como investigadores implicados Uxía Lage Vidal, Paula Antelo-Riveiro, Alejandro Seco-González, todos do CiQUS, e Susana Bravo, xefa da Unidade de Proteómica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
Os estudos previos que levaron ás publicacións científicas contaron, ademais, coa colaboración do persoal clínico do Hospital Clínico Universitario de Santiago, entre eles Emilio Rodríguez Ruiz e María Jesús Domínguez, responsables da caracterización clínica da cohorte utilizada nesa fase inicial. Aunque estes profesionais non participan no proxecto actualmente financiado, a súa contribución foi clave para o desenvolvemento da liña de investigación.
O proxecto, financiado na súa totalidade pola Schmidt Initiative for Long Covid, terá unha duración de 18 meses, contará cun orzamento total de 315.062 euros e desenvolverase no CiQUS, centro que recibe o apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.
Sobre a Schmidt Initiative for Long Covid (SILC)
A Schmidt Initiative for Long Covid (SILC) impulsa a atención clínica dos pacientes con COVID persistente a nivel global. Esta organización sen ánimo de lucro, fundada en 2023 polos filántropos Eric e Wendy Schmidt, traballa para elevar o nivel de atención e comprensión da COVID persistente en todo o mundo. SILC conecta a especialistas e provedores de atención primaria para apoiar aos pacientes e compartir coñecementos de maneira virtual e en tempo real.
O equipo do CiQUS lidera un proxecto financiado pola Schmidt Initiative for Long Covid para desenvolver ferramentas baseadas en proteínas que melloren o diagnóstico da COVID persistente e avalíen a súa gravidade biolóxica.

