O CiQUS obtivo financiamento para 11 proxectos de investigación na última convocatoria de Proyectos de Generación de Conocimiento do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, un resultado que respalda o desenvolvemento de proxectos de investigación e o avance de iniciativas estratéxicas en ámbitos clave da química e das ciencias moleculares.
No seu conxunto, as axudas concedidas ascenden a preto de 2,5 millóns de euros, destinados ao desenvolvemento de novos proxectos durante os próximos anos. Dos 11 proxectos financiados, seis inclúen ademais a concesión de contratos predoutorais asociados, unha modalidade contemplada nesta convocatoria para impulsar a formación de persoal investigador.
Os proxectos financiados abranguen un amplo espectro de áreas de investigación, entre elas o desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas fronte a enfermidades infecciosas e cancro, a química supramolecular, os materiais funcionais para aplicacións enerxéticas, a catálise sostible, o deseño de novos materiais moleculares ou as aplicacións biomédicas da nanotecnoloxía e do ADN estrutural. Estes resultados contribuirán a impulsar novas liñas de investigación e a consolidar outras xa existentes no CiQUS.
O CiQUS é un centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu e membro da Rede CIGUS, unha rede impulsada pola Xunta de Galicia que agrupa os centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia acreditados pola súa excelencia científica. O centro recibe financiamento da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027, contribuíndo ao fortalecemento dun sistema de investigación excelente e competitivo en Galicia.


