O CiQUS suma dous novos proxectos do Consello Europeo de Investigación na convocatoria Consolidator Grant

09/12/2025

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), obtivo dous novos proxectos financiados polo ERC, anunciados hoxe pola axencia europea. As axudas, correspondentes á modalidade Consolidator Grant, foron concedidas a Julián Bergueiro e Sara Abalde-Cela, un recoñecemento que supón un impulso significativo ás súas carreiras investigadoras.

Con estas concesións, o CiQUS suma xa 17 proxectos financiados polo ERC, distribuídos entre 12 investigadoras e investigadores do centro que teñen recibido apoio do programa nas súas diferentes modalidades (Starting, Consolidator, Advanced, Synergy e Proof of Concept). Ademais de reforzar a posición do CiQUS no panorama científico español e europeo, este fito impulsa a capacidade do centro para atraer talento e xerar emprego investigador de calidade. O CiQUS forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia e recibe apoio da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021–2027, esencial para a consecución de resultados de alto impacto.

As ERC Consolidator Grants están dirixidas a persoal investigador en fase de consolidación, cunha traxectoria científica destacada e proxectos altamente innovadores. Son unha das convocatorias máis competitivas de Europa: nesta edición recibíronse 3.121 solicitudes, das que 349 foron seleccionadas para financiamento (unha taxa de éxito do 11%). Tal como destacou o propio ERC, esta foi unha das convocatorias máis competitivas rexistradas, cunha demanda sen precedentes e “moitos proxectos excelentes que non puideron ser financiados”.

ChiroPore, o proxecto liderado por Julián Bergueiro, propón unha aproximación innovadora para lograr o transporte selectivo de moléculas a través de membranas, un desafío clave en biotecnoloxía e química supramolecular. A proposta inspírase nos mecanismos naturais de recoñecemento molecular e formula un sistema de tipo “chave e pechadura” baseado en estruturas helicoidais capaces de diferenciar moléculas con gran precisión. Esta estratexia permitirá deseñar poros sintéticos con funcións avanzadas, abrindo novas posibilidades na administración controlada de fármacos, o desenvolvemento de biosensores ou a comunicación celular.

“Buscamos desenvolver o primeiro sistema artificial que controle de maneira selectiva o paso de macromoléculas a través da membrana celular”, explica Bergueiro, un avance que permitiría “desde controlar con precisión o transporte de biomoléculas grandes ao interior celular —con impacto en aplicacións biomédicas como a terapia xénica— até posibilitar o deseño de novos modos de comunicación celular”. Para o investigador, obter unha ERC Consolidator supón tamén a oportunidade de impulsar un proxecto cunha ambición que non podería abordarse con outras fontes de financiamento e consolidar definitivamente o seu laboratorio na escena internacional.

Pola súa banda, OBSERVER, o proxecto liderado por Sara Abalde-Cela, propón estudar a comunicación célula–célula como un proceso dinámico e multinivel, superando as limitacións das técnicas actuais. O proxecto desenvolverá unha plataforma optofluídica para coencapsular células de cancro e células inmunes a nivel de célula individual, monitorizar as súas interaccións en tempo real e analizar posteriormente a súa expresión xenética. Esta tecnoloxía permitirá explorar con máis profundidade procesos complexos relacionados coa metástase e abrirá novas vías en microfluídica, nanobiosensores e análise avanzada de datos.

“Igual que ocorre entre persoas, as células manteñen conversas a distintos niveis —privadas, locais ou a longa distancia— que determinan decisións esenciais sobre o seu destino, como a capacidade de colonizar órganos e xerar metástases”, explica Abalde-Cela. “Porén, os estudos actuais só capturan fragmentos desas conversas. Con OBSERVER queremos desenvolver tecnoloxías que permitan rexistrar diferentes tipos de interaccións celulares de maneira simultánea e relacionar esas interaccións co seu destino, combinando microfluidos, sensores nanoópticos e análise multimodal a resolución de célula individual. Avanzar nesta dirección axudaranos a entender como se desregula a comunicación en procesos como o cancro, identificar novas vulnerabilidades e biomarcadores, e abrir a porta a estratexias terapéuticas máis eficaces”. Para a investigadora, esta ERC Consolidator Grant supón un punto de inflexión: a oportunidade de avanzar nunha liña de traballo construída durante a última década, con liberdade científica real e un impacto potencial en biomedicina que —subliña— a emociona especialmente.

Ambos investigadores contan con traxectorias internacionais sólidas. Julián Bergueiro, doutor pola USC, realizou investigación posdoutoral na Freie Universität Berlin e na Universidade de Tokio antes de incorporarse ao CiQUS cunha axuda Juan de la Cierva e, posteriormente, cun contrato Ramón y Cajal. O seu traballo céntrase no deseño de polímeros helicoidais e péptidos con control topolóxico para aplicacións biomédicas. Sara Abalde-Cela, doutora pola Universidade de Vigo, desenvolveu a súa carreira en institucións como a Universidade de Cambridge (Reino Unido) ou o International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL) de Portugal. Actualmente é Investigadora Principal do grupo de Medical Devices do INL e compaxina a súa actividade investigadora coa emprendida como cofundadora e CTO da empresa RUBYnanomed, referente en diagnóstico líquido.

A obtención destes dous novos proxectos do ERC reforza a posición do CiQUS como polo de excelencia científica en Galicia e en Europa, contribuíndo ao avance do coñecemento fundamental e ao desenvolvemento de novas tecnoloxías con impacto potencial en biomedicina, química e biotecnoloxía.

Julián Bergueiro | CiQUS

 

Sara Abalde | Credit: Catarina Moura, Madalena Silva (INL)