José Luis Mascareñas, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), participou como relator no simposio “New Horizons in Catalysis and Chemical Synthesis: The Flow of Innovation”, celebrado esta semana en Tarragona. O encontro reunió destacadas figuras internacionais da catálise e da síntese química con motivo do 75 aniversario do Prof. Miquel A. Pericàs, cuxa traxectoria tivo un impacto duradeiro neste ámbito.
Máis alá das súas contribucións científicas, o Prof. Pericàs mantivo unha relación estreita e significativa co CiQUS desde os seus inicios. Como director fundador do Instituto de Investigación Química de Cataluña (ICIQ), desempeñou un papel clave de asesoramento no proceso de creación do centro, achegando a súa experiencia tanto en aspectos estratéxicos e organizativos como no deseño de instalacións e laboratorios. Así mesmo, participou —xunto co Premio Nobel Harry Kroto— no acto científico-académico que acompañou a inauguración oficial do CiQUS en maio de 2010, e ese mesmo ano foi nomeado membro do seu Comité Científico Externo (ESAB), ao que permaneceu vinculado durante un longo período.
O Prof. Pericàs está recoñecido internacionalmente polas súas contribucións pioneiras na catálise enantioselectiva, o desenvolvemento de catalizadores soportados e os procesos en fluxo continuo, así como polo seu papel no avance de novas metodoloxías sintéticas. A súa traxectoria combina investigación fundamental con iniciativas de transferencia e emprendemento, contribuíndo ao desenvolvemento de solucións innovadoras en síntese química..
O CiQUS estivo representado no simposio por unha delegación que incluíu aos membros do seu equipo directivo, nun xesto de recoñecemento á figura de Pericàs. Ademáis, o Prof. José Luis Mascareñas participou como relator convidado, compartindo programa con científicos de referencia internacional como o Premio Nobel David W. C. MacMillan ou Stephen L. Buchwald. Esta presenza conxunta pon de manifesto os estreitos vínculos entre o CiQUS e o Prof. Pericàs, así como o compromiso do centro cos principais foros científicos internacionais.


O CiQUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

