Sergio Barbeira Arán, investigador do grupo de Martín Fañanás Mastral no CiQUS, foi galardoado cun dos Premios Lilly de Investigación para Alumnos de Doutoramento, unha distinción que conceden anualmente a Real Sociedade Española de Química (RSEQ) e Lilly para recoñecer a excelencia científica de mozos investigadores no ámbito da química.
Na categoría de Premios de Investigación para Alumnos de Doutoramento concorreron nesta edición 38 aspirantes procedentes de centros de investigación e universidades de toda España. Barbeira figura entre os tres investigadores distinguidos con este recoñecemento, xunto a Albert Gallego Gamo (Universidade Autónoma de Barcelona) e Víctor Manuel Amador Luna (Consello Superior de Investigacións Científicas). Os galardóns están dotados con 2.000 euros para cada unha das persoas premiadas e buscan impulsar o desenvolvemento das carreiras científicas emerxentes. Ademais, a organización concedeu o Premio de Investigación Early Career Researcher a Irene Marco-Ríus, do Instituto de Bioenxeñaría de Cataluña (IBEC).
O investigador do CiQUS traballa no deseño de novas ferramentas sintéticas baseadas en estratexias catalíticas sostibles. Segundo explica Barbeira, «a miña investigación doutoral céntrase no desenvolvemento de novas metodoloxías catalíticas para transformar hidrocarburos en compostos de interese mediante estratexias sostibles baseadas en catálise e fotocatálise. A miña tese explora especialmente a funcionalización de sistemas tensionados e alcanos lixeiros, ampliando as posibilidades sintéticas deste tipo de estruturas».
Os Premios Lilly de Investigación consolidáronse como unha das distincións máis recoñecidas para mozos investigadores en química en España. O seu obxectivo é fomentar a investigación de excelencia e poñer en valor o potencial transformador da ciencia desenvolvida polas novas xeracións de investigadores, especialmente en ámbitos con impacto na saúde, a sustentabilidade e o desenvolvemento tecnolóxico.
Este novo recoñecemento amplía ademais a destacada traxectoria do CiQUS nestes galardóns. Nos últimos anos, diversos doutorandos vinculados ao centro recibiron o Premio Lilly de Investigación para Alumnos de Doutoramento: Marcos Vilela (2024), José Manuel González (2023), Soraya Learte (2021), Eva Rivera (2021), Noelia Casanova (2017), Andrés Seoane (2015), Mateo Sánchez (2014), Isaac Alonso (2013), Lorena Tizón (2012) e Olalla Vázquez (2010). A concesión do premio a Sergio Barbeira reforza esta tradición de excelencia e o compromiso do CiQUS coa formación de mozos investigadores do máis alto nivel.
O CiQUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.


